|
O
Concello de Lalín, cunha superficie de 326 quilómetros
cadrados, é un dos municipios de maior extensión
de toda Galicia e goza dunha situación privilexiada no
corazón da Comarca de Deza, que aglutina a seis concellos
(Lalín, Silleda, Rodeiro, Vila de Cruces, Dozón
e Agolada) nun área de 987,7 quilómetros cadrados.
A
súa situación xeográfica, no denominado "Quilómetro
cero de Galicia" e equidistante das principais cidades, converte
a Lalín nun importante enclave loxístico dentro
da comunidade autónoma. Esta posición vantaxosa
estase a reforzar aínda máis cos importantes investimentos
en infraestructuras viarias, que permitirán reduci-lo tempo
de conexión coas grandes capitais: Santiago de Compostela
(25 minutos), A Coruña (50), Lugo (40), Ourense (25), Pontevedra
(40) e Vigo (50).
A poboación do Concello de Lalín é de 20.453
habitantes e está dividida entre o núcleo urbano,
onde hai máis de 10.000 veciños, e as 52 parroquias
do rural: Albarellos, Alemparte, Alperiz, Anseán, Anzo,
Barcia, Bendoiro, Bermés, Botos, Busto, Cadrón,
Camposancos, Cangas, Castro, Catasós, Cello, Cercio, Cristimil,
Doade, Donramiro, Donsión, Erbo, Filgueira, Fontecabalos,
Galegos, Goiás, Gresande, Lalín, Lalín de
Arriba, Lebozán, Lodeiro, Losón, Maceira, Madriñán,
Méixome, Moneixas, Muimenta, Noceda, Palio, Palmou, Parada,
Prado, Rodís, Santiso, Sello, Soutolongo, Val do Carrio,
Vilanova, Vilatuxe, Xaxán, Xesta e Zobra.
Considerando o conxunto da Comarca de Deza, que abrangue ás
xurisdiccións de Deza,Camba, Dozón, Carbia, Trasdeza
e Valquireza, as cifras de poboación achéganse ós
50.000 habitantes. Esta comarca, situada no extremo setentrional
da provincia de Pontevedra, linda ó oeste coa Comarca de
Tabeirós-Terra de Montes, ó norte coas de Arzúa
e Terra de Melide (A Coruña), ó leste coas de Chantada
e A Ulloa (Lugo) e ó sur coa do Carballiño (Ourense).
No ámbito da natureza, o Concello de Lalín goza
de envexables paisaxes, que son froito dun clima atlántico
húmido, caracterizado pola súa alta pluviosidade
e por unha temperatura media anual que xira en torno ós
12 graos centígrados. Esta demarcación, regada polas
correntes dos ríos Deza, Arnego e Asneiro, ten os seus
puntos máis elevados na Serra do Candán e nos montes
do Coco e do Testeiro.
Ó longo dos seus 326 quilómetros cadrados, o Concello
de Lalín garda incomparables tesouros
naturais, como as carballeiras da Crespa, do Rodo e de Barcia,
sendo esta última a máis singular por contar con
centos de carballos perfectamente aliñados en ringleiras.
Asemade, tamén destaca pola súa beleza o souto de
Quiroga, en Catasós, que está formado por uns castiñeiros
cunhas características especiais de crecemento que os converten
nos exemplares co índice de medranza e o porte máis
alto de Europa.
Na actualidade, este municipio conta cunha economía moi
diversificada, posto que a tradicional actividade agrícola
e gandeira foi abrindo portas progresivamente nas últimas
décadas a un sector industrial en expansión, principalmente
puxante nas ramas do téxtil, do aluminio e da construcción.
Esta diversificación tamén ten unha traducción
xeográfica, posto que no núcleo urbano e nas parroquias
colindantes atópanse tódolos servicios e a maior
parte das industrias -situadas maioritariamente nos dous polígonos
existentes-, mentres que na zona eminentemente rural a economía
segue a estar baseada nas explotacións agropecuarias, que
aproveitaron a riqueza da comarca para modernizarse e facerse
máis competitivas.
As
condicións socioeconómicas, a súa localización
xeográfica e o apoio institucional proxectan a Lalín
como un municipio con grandes expectativas de crecemento. Neste
proceso, un dos factores determinantes será a mellora das
infraestructuras, como a autoestrada Santiago-Ourense, ou a posta
en marcha de novos servicios, como a Cidade do Transporte -recentemente
inaugurada-, dous novos aparcadoiros soterrados na vila -en proceso
de licitación-, o proxectado aeródromo deportivo
ou a remodelación do pavillón polideportivo e do
estadio de fútbol.
Esta puxante situación do municipio lalinense tamén
se ve reflectida no interese comercial amosado por grupos empresariais
como Eroski, que proximamente asentará na zona unha grande
área con establecementos comerciais e de ocio. Ó
mesmo tempo, varios empresarios de Lalín tamén iniciaron
os trámites urbanísticos para construír outra
alternativa lúdica e comercial exclusivamente con financiamento
dos empresariado local.
No
apartado festivo, a Feira do Cocido, que se celebra cada ano no
domingo anterior ó Entroido, é o máximo expoñente
do Concello de Lalín. Nas 34 edicións da súa
historia, este evento gastronómico foi gañando pulo
ata converterse nunha das festas máis importantes -senón
a que máis- do calendario lúdico galego. A súa
sona mesmo alcanza xa repercusión en foros internacionais,
un feito ó que contribuíu o esforzo promocional
realizado dende o concello.
Outra das feiras senlleiras é a do cabalo, que se celebra
na primeira semana do mes de abril e sirve para que cabaleiros
e gandeiros de toda Galicia acudan a participar nas diferentes
actividades e competicións. Por outra banda, os días
3 e 18 de cada mes o Campo da Feira Vello acolle os tradicionais
mercadiños.
No capítulo festivo tamén destacan as celebracións
de carácter relixioso, como as festas patronais na honra
da Virxe das Dores, que se celebran o terceiro domingo de setembro,
ou a romaría do Corpiño, que se celebra os días
23 e 24 de xuño na parroquia de Santa Baia de Losón.
A esta romaría, unha das máis famosas de toda Galicia,
acoden devotos de infinidade de lugares coa confianza de que a
Virxe espantará dos seus corpos e mentes aqueles problemas
e enfermidades que se lle escapan á medicina.
Conta
a lenda que no século X, nunha cova do monte Carrio vivía
un ermitaño moi apreciado que ó morrer foi soterrado
polos veciños, que ocultaron o corpo incorrupto antes de
escapa-la invasión dos árabes. A pista do escondite
do corpo perdeuse ata que unha tarde foi descuberta por uns nenos
pastores, que se viron atraídos polo estraño resplandor
que saía dunha cova. O denominado lugar "do corpiño"
sinalábao a propia Virxe co Neno Xesús nos seus
brazos
|