Inicio
Información
Mapas
Fotos de la ruta
Inscripción
Volver a lalin.org


O próximo 7 de outubro de 2007 terá lugar a IV Ruta a Lalín en BTT e seguimos coa tradición de non repetir trazado con respecto ás derradeiras edicións.

Este ano percorrerá  monte alto durante boa parte do traxecto, fuxindo no posible dos camiños enfuscados e congostras aínda que algúns poderemos pisar. Ten pouca dificultade técnica; non é así fisicamente, aspecto no que é un pouco máis esixente. Ao pasar por montes altos, xa se sabe, hai que sufrir un pouco, pero pagará a pena polas magníficas vistas e sensacións coas que nos agasallarán.

Sairemos de Lalín en dirección a Rodeiro, para dirixirnos, tras uns quilómetros, cara o chamado Pozo Negro onde cruzaremos por a ponte máis antigo das tres que existen no lugar. É aquí onde comeza a primeira subida dura da ruta, que nos levará ao lugar de Puxallos. Desde aquí, o percorrido e a agreste paisaxe, ademais de permitirnos reconfortar un pouco as pernas e o espírito, guiaranos até os arredores da praia fluvial de Sanguiñedo despois de cruzar o río Chedas a través de trialeiras aínda case ignotas.

E como xa sabemos, todo o que baixe, sube; da placidez deste tramo pasamos a segunda e case que derradeira subida dura do día que nos levará ao alto da Cruz da Grada . Unha vez feito aquí o avituallamento sólido e líquido seguiremos polo cordal montañoso, chegando ao punto máis alto da ruta (o monte Espiñeira, 840 m). E xa toca baixar durante un bo anaco, ata Castro de Abaixo, acompañados por frondosas carballeiras e abundante bosque autóctono. Toda este tramo de longo descenso achegaranos até a parroquia de Botos, xa cerca de Lalín, desde onde cubriremos os últimos quilómetros.

Agradecervos de antemán a vosa participación, desexarvos que gocedes do percorrido, que todo saia ben e non se manque ninguén. Nos traballamos para que sexa así. Nesta edición entregaremos unha camiseta de calidade, ademais dunha mochila; tamén melloramos o menú e ofrecemosvos os servizos habituais (avituallamentos, asistencia mecánica, ambulancia, duchas, lavado de bicis...).

Tede en conta que imos que este ano imos saír e chegar desde o estadio M. Anxo Cortizo (o campo de fútbol).