|
JOSÉ CRESPO IGLESIAS (Goiás, 12/05/59)
Nacido no lugar de Souto, na parroquia lalinense de Xaxán, José Crespo Iglesias é aos seus 46 anos de idade un dos políticos de referencia na Galicia do século XXI. Municipalista convencido, posúe un amplo coñecemento da realidade dos concellos galegos e é impulsor de diversas iniciativas encamiñadas á modernización da Administración Local, como a realización dun estudo técnico sobre a fusión de municipios ( Os concellos galegos para o século XXI ).
Forxou a súa dilatada experiencia no eido da Administración Local comezando a súa carreira política como pedáneo de Xaxán e ocupando diversas concellerías dende 1987 ata acceder á Alcaldía de Lalín en 1990, converténdose naquel entón, con só 30 anos de idade, no rexedor municipal máis novo de Galicia.
Atrás quedaban a etapa da súa formación académica no Seminario de Lugo e os estudos na área de Filoloxía iniciados na Universidade de Santiago, así como un intenso traballo como impulsor da modernización do sector agrícola e gandeiro da Comarca de Deza, chegando a ser cofundador e presidente da cooperativa Aprodeza.
Dende a toma de posesión como alcalde de Lalín o 3 de febreiro de 1990, a xestión realizada no concello e a súa capacidade de traballo levárono a asumir progresivamente novas responsabilidades, como a vicepresidencia da Deputación Provincial de Pontevedra -cargo que desempeña por terceiro mandato consecutivo- e a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), posto que ocupa dende o 4 de decembro de 2003.
Durante o seu mandato á fronte da Fegamp, ademais de acceder o 31 de maio de 2005 á vicepresidencia do Consello Territorial da Federación Española de Municipios y Provincias (Femp), José Crespo tamén conseguiu pechar coa Xunta de Galicia o histórico acordo para o desenvolvemento do Pacto Local, asinando o documento en Santiago o 20 de xaneiro de 2006.
Dentro do Partido Popular, ademais de ocupar o cargo de secretario comarcal de Deza, dende hai anos vén desempeñando un papel protagonista tanto no eido provincial (como membro dos comités Executivo e de Dirección) como autonómico (como vicesecretario e membro do Comité Executivo Rexional). Designado coordinador da campaña electoral para os comicios autonómicos de 2005, no XIII Congreso celebrado os días 14 e 15 de xaneiro de 2006 foi nomeado secretario de Organización do PPdeG.
Adoita gozar do seu escaso tempo libre estando cos seus fillos, practicando sendeirismo, montando en bicicleta ou escoitando música. Tamén comparte a súa afección polo mundo do motor coa paixón pola moda, abandeirando sempre a puxanza deste sector en Lalín e sentíndose orgulloso das súas orixes, dunha terra que defende, ensalza e promociona alí por onde vai.
|