Museo do títere
No ano 1998, con motivo do 15 aniversario da primeira estrea como compañía de títeres de Viravolta, realizouse unha exposición conmemorativa no Museo Municipal de Lalín, que foi o punto de partida para a creación da Casa do títere, onde o Concello de Lalín exerce a titularidade e as compañías Viravolta e Seisdedos son as encargadas da súa xestión.

A Casa do títere, aberta dende outubro do 2001, ademais de amosa-la colección de obxectos titiriteiros da compañía (máis de 300 pezas) e permiti-la consulta do material documental do seu fondo (libros, revistas, cartaces, programas, vídeos...) mantén unha programación estable cara ó público realizando obradoiros de iniciación, cursos para profesionais dos títeres e da educación, mostras de teatro de marionetas...