Portada
Deberá incorporar Flash Player ao ser ordenador
Saúdo do alcalde

Xosé Crespo

        Amigas e amigos:

         A publicación o pasado 28 de xuño no Boletín Oficial do Estado da resolución pola que se concede o título de Festa de Interese Turístico Nacional á nosa Feira do Cocido de Lalín marca un antes e un despois para esta celebración, que agora forma parte do selecto grupo de festexos de referencia a nivel de toda España.

        Foron moitos anos de traballo para que, o que naceu como unha xornada gastronómica organizada entre un grupo de amigos, fora medrando tanto na celebración de actividades como no seu recoñecemento a nivel galego, nacional e internacional, como se demostra na presenza de milleiros de persoas polas nosas rúas o día da Feira do Cocido, a incalculable participación de comensais no Mes do Cocido ou na repercusión e o espazo que esta festa ocupa nos medios de comunicación.

        Unha vez conseguido este recoñecemento, desde o Concello de Lalín xa estamos a traballar para conseguir a concesión do título de Festa de Interese Turístico Internacional, o que daría un pulo definitivo ao noso Cocido para a súa expansión no exterior, cos conseguintes beneficios económicos e sociais que elo conlevaría para o noso municipio.

         Con motivo desta nova edición da Feira do Cocido, Lalín volverase encher entre os meses de xaneiro e marzo de actividades culturais e deportivas (actuacións de Feito en Lalín, concerto da Banda de Música de Lalín coa cantante de fados Ana Laíns, o Titerentroido, o concurso de pinchos e tapas, o Rali do Cocido, o Enduro do Cocido, a Carreira Popular do Cocido ou o torneo de pádel), que se sumarán ás xa tradicionais como o Mes do Cocido, a Matanza do Porco, as xornadas gastronómicas do Cocido de Lalín en Madrid ou a Gala da Gastronomía emitida en directo por Televisión de Galicia.

         Creo que é un programa completo e con actividades para todos os gustos, adaptado ao mesmo tempo ás estreiteces económicas que estamos a vivir. Só me queda desexar aos milleiros de persoas que nos visiten nestas datas que gocen degustando o noso Cocido, que con tanto agarimo e dedicación se prepara para facelo inesquecible. Bo proveito a todos.

Xosé Crespo Iglesias
Alcalde de Lalín