| |
As orixes da Feira do Cocido de Lalín, que o domingo 27 de xaneiro celebra a súa cuadraxésima edición, remóntanse a 1968, data na que os alcaldes dos seis concellos da Comarca de Deza (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón) acordaron reunirse para artellar unha estratexia de difusión e comercialización dos produtos típicos relacionados coa gastronomía.
Tras unha primeira experiencia baixo o lema “Unidos polo mesmo afán”, e seguindo a tradición dun grupo de lalinenses que cada ano se xuntaba para comer cocido, foi o Concello de Lalín quen asumiu a iniciativa para pór en práctica as ideas xurdidas naquel encontro mediante a creación da Feira do Cocido. Esta festa gastronómica celebrouse por primeira vez en 1969 para exaltar o prato máis tradicional e senlleiro da cociña galega, O COCIDO, que en Lalín toma carta de identidade propia.
Dende entón, esta feira foi e segue a ser unha referencia imprescindible no calendario gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo do Entroido, xa que a Feira do Cocido de Lalín celébrase sempre o domingo anterior ao domingo de Entroido. Ao longo da súa exitosa historia, a Feira do Cocido de Lalín soubo manter os seus sinais de identidade e, ao mesmo tempo, foise renovando con novas propostas e actividades que contribuíron a revitalizala e a incrementar a súa repercusión.
O traballo desenvolvido polo Concello de Lalín como impulsor da feira frutificou no ano 1999 coa declaración como Festa de Galicia de Interese Turístico por parte da Xunta de Galicia e vese corroborada ano tras ano pola masiva afluencia de público no día grande da feira, que adoita colapsar Lalín coa chegada de máis de 50.000 persoas.
O día 27 de xaneiro, a tradición volverá imporse na programación da xornada e o colorido das carrozas, charangas, comparsas e grupos de gaitas farase dono das rúas de Lalín trala lectura do pregón, xa que este ano xa está confirmada a participación dun total de 29 grupos, non só procedentes das parroquias de Lalín, senón tamén doutros puntos como Poio, Marín, Pamplona, Bueu, Rianxo, etc.
A propia feira será outro dos principais atractivos, xa que os mellores produtos das fértiles terras de Deza exporanse nos numerosos postos instalados no Campo da Feira Vello, ofrecendo un delicioso percorrido visual e aromático a quen camiña entre eles. Exquisitas viandas como a carne de porco, os chourizos, a carne de vacún e outros produtos característicos da bisbarra partirán para toda Galicia amosando que Lalín é sinónimo de cocido.
|
|