|
Xosé
RODRÍGUEZ E GONZÁLEZ.
Coñecido como "O matemático de Bermés", naceu nesta parroquia
en 1770 e foi o máis insigne científico da España do seu tempo. Fillo
de labregos, a axuda dun tío seu sacerdote permitiulle cursar estudios
cos xesuítas de Monforte e pasar logo a Santiago para graduarse na Universidade.
Catedrático de Matemáticas ós 28 anos, pronto inicia as súas escapadas
a Europa para ampliar estudios e intercambiar coñecementos cos grandes
científicos do seu tempo: Laplace, Arago…Con este último estudia a triangulación
do meridiano entre Dunquerque e Barcelona, pero antes imparte cursos
na universidade alemana de Gottinga, e traballa para a coroa inglesa
nunhas medicións xeodésicas no Pacífico. Profesor de Astronomía e director
do Observatorio Astronómico de Madrid, creador da sección de Mineraloxía
do Museo de Ciencias Naturales, comisionado da Xunta Central -durante
a invasión francesa- para trazar un mapa da Península e fixar un sistema
máis exacto de Pesas e Medidas… Rexeita a oferta do Zar Alexandre I
de Rusia para dirixir o observatorio de San Petesburgo.
Home liberal,
de ideas avanzadas no social e con talante europeo, Rodríguez é obxecto
de envexas, dentro e fóra da cátedra e remata sufrindo a sorte de moitos
mal chamados "afrancesados". Marxinado polo poder absolutista,
só sabemos que faleceu en Santiago en 1823, con apenas 54 anos de idade.
En ignorada tumba repousan os restos deste home a quen os historiadores
recordan como unha das grandes lumieiras da ciencia española.
|