|
O
coengo Buenaventura Cañizares deixou probado con documentos demostrativos
que o topónimo Lalín ven de "Lalino", un colono do Conde
de Deza que tivo ó seu cargo as terras nas que, anos máis tarde
(980), se erixiu o mosteiro de San Martiño de Lalín de Arriba.
En
tempos prehistóricos, xa estiveran poboadas estas terras. Así
o testemuñan os castros de Donramiro e Goiás, a pouca distancia
de Lalín, e mesmo o castro que algúns historiadores sitúan no
lugar que hoxe ocupa o parque do aviador Loriga, sobre o que na
época sueva se construíu unha torre-fortaleza. Precisamente ó
abeiro desta fortaleza medieval xurdiu o casal da Torre, que con
outros casais illados formou o primitivo núcleo urbano de Lalín
no século XIX. Torre-fortaleza que logo pasaría ós Suárez de Deza-Churruchao,
e nos últimos tempos, antes da súa destrucción, ó Conde de Lemos.
Derrubado en 1846, só quedou en pé ata os primeiros anos deste
século a torre da homenaxe, á beira da que se erguía un vello
carballo chamado "da manteiga". A finais do XVIII, o
lugar da Torre estaba formado por sete casas, nas que se daba
comida e aloxamento a moitos feirantes, que concorrían ás dúas
feiras mensuais, e ós viaxeiros que transitaban de Ourense a Santiago,
e de Lugo a Pontevedra.
A
vila de Lalín, formada xa polos casais da Torre, Barrio de Abaixo,
Tirabeque, Cacharela, Pontillón e outros, contaba en 1930 con
pouco máis de trescentos veciños. Virían logo os anos do desenvolvemento
e do progreso, ata converterse nos nosos días na vila máis importante
da Galicia Central.
|