
Participación social - corresponsabilidade - dependencia - xestión dos tempos

O estado do benestar está no centro do debate en todos os países da Unión Europea nos últimos anos, e a máxima coincidencia entre eles céntrase na necesidade de reorientar os elementos que foron eixo central da cohesión social na sociedade occidental nas últimas décadas do século XX: producción de bens e emprego, redistribución fiscal, aposta pola educación e a saúde como dereitos sociais.
Este pacto social orixinal foi revisado en distintas ocasións desde a perspectiva de xénero o que dou lugar nos anos 90 ao inicio do desenvolvemento das políticas de conciliación, que non xorden de ningún pacto senón das necesidades e reivindicacións do colectivo feminino. Como se afirmaba, no mes de xuño pasado desde a Secretaria Xeral de Políticas de Igualdade, só concilian as persoas que senten esa necesidade que seguen sendo, maioritariamente, as mulleres e iso só provoca unha nova segregación vertical e horizontal no mercado de traballo.
O propósito do curso non é outro que retomar, desde a perspectiva de xénero, as ideas clave do pacto orixinal do estado de benestar, incluíndo a análise dun posible novo modelo de contrato social entre homes e mulleres, de novas estratexias organizativas e incorporándoo, así mesmo os debates actuais das políticas sociais relacionados coa atención e coidado das persoas dependentes.
Na actualidade é preciso formular alternativas e buscar solucións relacionadas cunha distribución máis igualitaria dos tempos e os espacios. Trátase, en definitiva, de que ambos os dous sexos, que xa comparten en boa medida os niveis de formación e cualificación, compartan tamén o traballo, a familia, o lecer ou o poder. É necesario desenvolver un novo contrato de xénero entre mulleres e homes baseado na corresponsabilidade, que non complementariedade de ambos os dous sexos, un novo contrato que nos permita compartir o traballo asalariado, compartir as responsabilidades familiares e o coidado das persoas dependentes, compartir o poder e a toma de decisións; en definitiva, compartir a vida.
Asumir isto Implicaría cambios na idea de familia, saír da concepción dun modelo tradicional tanto na forma como no modo de organización, apoio nas relacións de igualdade e revalorización das tarefas domésticas e de coidado, melloras estructurais das oportunidades de emprego das mulleres, políticas públicas de garantía do coidado... Compartir o traballo, organizando e distribuíndo o existente e flexibilizando os usos do tempo. Compartir o poder, compartir as responsabilidades públicas, facer realidade a igualdade entre mulleres e homes como dereito fundamental, propiciar medios para unha democracia paritaria e a presencia de mulleres nos ámbitos de decisión económica.
Este achegamento permitiranos extraer conclusións en temas de política económica partindo da importancia de considerar non só o emprego remunerado senón tamén o emprego non pagado. En política de redistribución dos recursos pois debemos considerar que non só se terían que ter en conta os recursos materiais senón tamén os tempos e as actividades que cada persoa guste de facer. E por último no ámbito das políticas sociais onde se debería atender prioritariamente ao dereito das persoas a ser atendidas, a ser coidadas cando o necesitan.
Por último quixeramos insistir na necesidade de analizar esta problemática desde unha perspectiva integral de xénero incluíndo, de xeito decidido, a posición dos homes e dos demais compoñentes das unidades familiares, mozos e mozas así como avós e avoas. Hai que provocar o compromiso na asunción do papel a desenvolver por cada un/unha no cambio social. Tradicionalmente os cambios nos roles proceden principalmente das mulleres que lideraron durante moito tempo as reivindicacións de orde social a miúdo movidas pola súa incorporación ao mundo laboral que lles provocaba unha sobrecarga de traballo pois non se desprenderon do que, tradicionalmente, lles era adxudicado como propio –o doméstico e as labores de coidado- e isto xerou e segue a provocar nas familias e na sociedade, no seu conxunto, situacións de conflicto. Pola súa banda aos homes tamén lles resulta difícil e complexo reorientar o seu rol tradicional pois este estaba orientado cara ao mundo productivo e a actividade profesional e a súa posición soe ser de resistencia ao cambio. Terase que analizar e debater, ou incluso construír, estratexias que axuden aos homes a que, sen renunciar ao que xa tiñan acadado, poidan recuperar para si mesmos o valor do privado, do doméstico.
- Facilitar o encontro de profesionais dos distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, favorecendo o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.
- Promover a participación e a integración entre os centros de formación, as empresas e a comunidade a fin de desenvolver accións que permitan resolver os problemas que os afectan, aportando alternativas de solución que contribúan a mellorar a sociedade na que vivimos.
- Establecer novas pautas e hábitos socioculturais.
- Coñecer a situación en canto aos recursos e ferramentas existentes no territorio cara a igualdade de oportunidades, conciliación, dependencia, flexibilización do uso dos tempos, etc.
- Comprender a importancia da sensibilización para promover o cambio de mentalidades, actitudes e prácticas en relación coa igualdade de oportunidades e a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.
- Comprender as dimensións do traballo familiar doméstico e o papel fundamental que desempeña.
- Analizar as políticas de conciliación da vida laboral, familiar e persoal como unha cuestión de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
- Analizar a redistribución da carga total do traballo remunerado e non remunerado.
- Potenciar a corresponsabilidade de tarefas e responsabilidades domésticas, na familia.
- Analizar a organización social dos sistemas de coidado.
- Favorecer unha reflexión sobre a ética do coidado.
- Revisar o contrato social entre xéneros e revalorizar o traballo de coidado.
- Entender as relacións existentes entre mercado laboral, modelos de familia, recursos para persoas dependentes e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
- Revisar a organización social do tempo vixente.
- Estudiar as boas prácticas sobre políticas de tempo nas cidades.
- Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento das políticas de emprego e formación, para favorecer a participación das mulleres no mundo laboral a través da aplicación do enfoque de xénero nas estratexias de intervención, e mediante a revisión das ferramentas habitualmente empregadas, así como elaborar novas propostas que fagan preferente a conciliación da vida laboral, familiar e persoal na sociedade.
- Facilitar o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.
PÚBLICO A QUEN VAI DIRIXIDO:
- Estudantes Universitarios/as.
- Diplomadas/os, licenciadas/os, doutoras/es ou profesionais que traballen con mulleres en institucións públicas ou privadas e que queiran ampliar os seus coñecementos previos, ou incorporar por primeira vez a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades na súa practica profesional ou no seu acervo de coñecementos.
- Profesionais e persoal técnico de institucións públicas e privadas: Concellos, Comunidades Autónomas, Administración do Estado.
- Empresariado.
- Persoal do ámbito do ensino.
- Traballadores/as sociais e Orientadoras/es laborais.
- Educadores/as sociais.
- Educadoras/es, Partidos políticos, Fundacións, Sindicatos, ONG´S, Asociacións sociais e/ou culturais.