|  | |
|

Toma de decisións - Inserción Laboral - Conciliación - Diversidade

Resulta evidente a necesidade de acceder ao mercado laboral, pero non é menos importante, o axuste que debe existir entre a formación recibida e o traballo a desenvolver.
O emprego significativo implica que o “traballo” a realizar teña relación directa coas competencias adquiridas pola persoa empregada, tanto en relación á competencia profesional como ao seu nivel de cualificación e en igualdade de oportunidades.
Aproximarémonos, ao emprego significativo desde os procesos de toma de decisións, inserción e conciliación da vida familiar, persoal e profesional e desde as problemáticas específicas da diversidade.
Sobre os procesos de toma de decisións cara a consecución de emprego significativo analizaremos tres elementos fundamentais:
- As diferentes formas de transición dende a educación e a formación, ao mercado laboral como modos de apoio á toma de decisións en materia de educación, formación profesional e emprego.
- Os programas de orientación non sexista elaborados a partires das experiencias, desenvolvidas en Galicia
- A relación que se establece, á hora de seleccionar ou elixir as ofertas e posibilidades de traballo tendo en conta as competencias adquiridas, ou se pola contra eses procesos de toma de decisións se ven sesgados e condicionados polos estereotipos de xénero.
En relación aos procesos de inserción farase fincapé en varios dos condicionantes que inflúen na presencia das mulleres no mercado laboral, entre os que debemos destacar:
- Os modos de acceso ao primeiro emprego significativo tendo en conta o nivel de estudios dos suxeitos no momento de acceso ao emprego segundo o seu nivel de formación e o seu sexo. Así mesmo temos interese en aproximarnos aos procesos de reinserción profesional logo de períodos de inactividade diversos.
- A presentación dos planos de incorporación das mulleres a ocupacións nas que están subrepresentadas (metal, madeira, construcción, transporte, etc.) e as iniciativas de autoemprego na creación e posta en marcha de empresas.
- Os procesos de promoción profesional das mulleres e dos homes, despois de estar nun determinado emprego, buscando o axuste ao posto laboral que deben desempeñar ou a mellora da súa situación profesional, a través dos programas de formación –continua ou ocupacional- para o traballo.
A conciliación da vida familiar, persoal e laboral será o terceiro eixo temático. Entendida como unha nova demanda da sociedade, co fin de acadar unha maior calidade de vida, que en definitiva, beneficia a todos e a todas as persoas traballadoras, á familia, ás empresas e, por suposto, á sociedade, atendendo aos cambios no modelo de familia e a incorporación progresiva das mulleres ao mercado laboral e a implicación dos homes na articulación das medidas de conciliación, así coma as características de servicios públicos e privados de atención a cidadanía, horarios de traballo e medidas de flexibilización, etc, e como non os Planos de Igualdade en empresas e a Lei do traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia.
Nun cuarto eixo, de atención á diversidade abordaremos as problemáticas de acceso e mantemento do emprego, significativo e en igualdade, de aqueles colectivos especiais de risco, que poden sufrir unha tripla discriminación: ser muller, ser traballadora e pertencer a un colectivo cunhas características especiais, sexa esta funcional, de etnia, procedencia, etc.
Obxectivos do curso:
- Coñecer a situación en canto aos recursos existentes no territorio que contribúen a facer posible que a cidadanía acade a inserción laboral nun emprego que lles sexa significativo.
- Explorar os procesos de toma de decisións que axudan, sobretodo a poboación máis nova, a buscar a acomodación dos seus intereses, capacidades e habilidades na busca de emprego.
- Analizar o modo, o tempo e as dificultades que ten a cidadanía, especialmente as mulleres, para acceder ao emprego significativo ben sexa por primeira vez, na busca da mellora profesional ou logo dun periodo de inactividade.
- Facilitar o coñecemento para un mellor desenvolvemento das políticas de emprego e formación, para favorecer a participación das mulleres no mundo laboral a través da aplicación do enfoque de xénero nas estratexias de intervención, e mediante a revisión das ferramentas habitualmente empregadas, así coma a elaboración de novas propopostas, que fagan preferente a conciliación da vida laboral, familiar e persoal na sociedade.
- Proporcionar a resposta necesaria ás demandas da cidadanía no eido da conciliación e da corresponsabilidade en catro escenarios básicos: no persoal, no familiar, no empresarial e no social, mediante o desenvolvemento de políticas de igualdade baseadas no cambio de roles e estereotipos sociais sexistas, a flexibilización dos tempos cara a conciliación, a ampliación e extensión dos servizos sociais e comunitarios, o establecemento de recursos de apoio complementarios de conciliación e ó fomento do emprego.
- Coñecer as problemáticas de acceso e mantemento de emprego dos colectivos especiais pola súa diversidade e propoñer medidas que contribúan a mellora da súa situación.
- Facilitar o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.
Público a quen vai dirixido:
- Estudantes Universitarios/as.
- Diplomadas/os, licenciadas/os, doutoras/es ou profesionais que traballen con mulleres en institucións públicas ou privadas e que queiran ampliar os seus coñecementos previos, ou incorporar por primeira vez a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades na súa practica profesional ou no seu acervo de coñecementos.
- Profesionais e persoal técnico de institucións públicas e privadas: Comunidades Autónomas, Concellos, Administración do Estado.
- Empresariado.
- Persoal do ámbito do ensino.
- Traballadores/as sociais e Orientadoras/es laborais.
- Educadoras/es, Partidos políticos, Fundacións, Sindicatos, ONG´S, Asociacións sociais e/ou culturais.
|
 |
|