A EXPOSICIÓN “106 ANOS DE LAXEIRO. 23-F-2014”, A VISITA DUNHA DELEGACIÓN DE PERIODISTAS INTERNACIONAIS, MILLÁN MON NA NÓMINA DE COMENDADORES E LUZ CASAL, MÓNICA NARANJO E VIAJE DE ELLIOT COMO ARTISTAS DA GALA, ENTRE AS NOVIDADES DA 46ª FEIRA DO COCIDO

Crespo e Rodríguez Fernández na presentación da Casa de Galicia
Martes 28 de Xaneiro de 2014 - O alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado polo concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, presentou a 46 edición da Feira na Casa de Galicia que dirixe José Ramón Ónega ante un nutrido grupo de personalidades entre as que destacan os Comendadores Carlos Lema Devesa, Julio Lage, Carlos G. Reigosa, Paco Leiro, Iñaki Torres, Amancio Amaro, Juan de Dios Román, Esteban Verdes, Paloma García Romero ou Manuel Domínguez e os periodistas Jenaro Castro e Carlos Maribona, entre outros

A Casa de Galicia de Madrid que dirixe José Ramón Ónega foi escenario da presentación en Madrid da XLVI Feira do Cocido de Lalín que se celebrará o domingo, 23 de febreiro. O alcalde lalinense, José Crespo, e o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández, presentaron as principais liñas programáticas e algunhas das novidades desta 46 edición da Festa, ante un auditorio conformado por unhas cincuenta persoas e entre as que se atopaban diversos Comendadores do Cocido e periodistas, entre eles, o crítico gastronómico de ABC, Carlos Maribona, que interviu no acto.

 

LALÍN, CAPITAL DE GALICIA

José Ramón Ónega abriu a quenda de intervencións sinalando que “esta Casa hónrase coa visita do Concello de Lalín, do seu alcalde e do seu concelleiro de Turismo, e é unha gratificación ter un ano máis aquí o Cocido de Lalín, que xa é coñecido a nivel tanto nacional como internacional”. “A Festa do Cocido achega aos pobos e fomenta a amizade e hoxe todo o mundo sabe que Lalín é a capital de Galicia”, sinalou.

 

O edil de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández, realizou unha presentación da Feria e subliñou que “presentamos un prato típico da gastronomía galega e española e nesta xa 46ª edición conseguimos que o prato sexa case o menos significativo da Feira porque fomos estendendo a influencia da Feira a moito máis dun trimestre e dándolle vida en máis dunha vintena de actos: gastronómicos, etnográficos, culturais e deportivos”.

 

PRESENTACIÓN NUN BARCO EN CANGAS

Rodríguez apuntou que “este ano será a primeira vez que presente a Feira nun barco, en Cangas do Morrazo, tendo como marco inmellorable a Praia de Rodas, nas Illas Cíes se o tempo nolo permite”. “O prato do cocido é o elemento que nos permite artellar un programa de actividades, novidoso e ambicioso á vez” e defendeu que “a Feira do Cocido é unha plataforma de difusión de Lalín e Comarca a nivel económico”. Neste sentido explicou que “a Lalín chegan cada ano entre 2.500 e 3.000 visitantes e o principal motivo polo que veñen é a gastronomía”.

 

“Galicia é a despensa de Occidente”, afirmou Rodríguez Fernández citando a Cunqueiro e “Lalín contribúe a esa despensa, promocionando os produtos non só do cocido, senón da terra”, remarcou.

 

O edil de Turismo puntualizou que “nos marcamos dar un salto de nivel dentro das Festas de Interese Turístico Nacional e estamos traballando para dar un paso, cuantitativo e cualitativo, para poder conseguir o <marchamo> de internacional”. “Por iso unha das novidades desta edición é que visitará Lalín unha delegación de periodistas internacionais para que vivan in situ e para que descubran os piares da economía e os atractivos turísticos de Lalín e así os difundan, nunha liña de traballo de cara a conseguir a internacionalización”, explicou.

 

Destacou ademais o concelleiro de Turismo que “a Feira do Cocido conta cun selo de calidade que garante que os restauradores cumpren uns requisitos mínimos; coa carpa <Compromiso de Calidade> na que se promocionan os produtos da nosa terra; suma tamén ás Xornadas do Cocido en Lalín en Madrid -“aproveito para agradecer a Manuel Domínguez que os restaurantes Sanxenxo e Combarro ofrezan cocido durante un mes na capital de España (do 28 de xaneiro ao 28 de febreiro)”. “Ademais -fixo fincapé- por terceiro ano consecutivo os viños da Denominación de Orixe Monterrei patrocinan a Feira do Cocido, aproveitando así as sinerxias entre a D.O. e o Concello de Lalín”.

 

Carlos Maribona afirmou que “son asturiano (“gallegos y asturianos, primos hermanos”) e o Cocido de Lalín é o mellor exemplo da cociña tradicional”. “Veño de Madrid Fusión, que é un congreso de cociña de vangarda, onde este ano se lle deu un enorme peso á cociña tradicional”, apuntou. “Cada vez máis nos restaurantes de Madrid piden pratos tradicionais e iso é un bo sinal ”, engadiu.

 

Manuel Domínguez, Comendador e propietario dos restaurantes Sanxenxo e Combarro, remarcou que “un cocido require o seu tempo para facelo e tamén para consumilo no entorno de varias persoas, porque hai que facelo para un número mínimo de 8 a 10 persoas, nas que a abundancia se combina coa tertulia na mesa”. “Todo isto o conxuga o cocido”, incidiu. “Non se perdan a Festa de Lalín que non só é un cocido senón que é un encontro cos amigos e coas entrañables cousas que ten Galicia. Visitar Lalín é sempre unha marabilla”, engadiu. “Hónrame que sexa o restaurante que represente o Cocido de Lalín (en Madrid)”, rematou.

 

Crespo pechou a quenda de intervencións e “agradeceu a todos os Comendadores presentes (Julio Lage, Carlos Lema Devesa, Carlos G. Reigosa, Paco Leiro, Iñaki Torres, Amancio Amaro, Juan de Dios Román, Esteban Verdes e Paloma García Romero, Carlos Maribona, Manuel Domínguez etc.) e a todas as persoas presentes entre as que se atopaban Jenaro Castro, Carlos Maribona ou Antonio Méndez Atanes -presidente D.O. Monterrei-, entre outros) e a José Ramón Ónega a súa hospitalidade na Casa de Galicia”.

 

23 F, FEIRA DO COCIDO E LAXEIRO

Entre as principais novidades da XLVI Feira do Cocido Crespo avanzou que ao cadrar o Día Grande da Feira coa celebración do 106 aniversario do nacemento do pintor e Fillo Ilustre de Lalín, José Otero Abeledo, <Laxeiro>, “estamos traballando nunha exposición, especial e distinta, da obra pictórica de Laxeiro, coincidindo a data da celebración da Feira, o 23 de febreiro, cos 106 anos do seu nacemento”. Neste sentido apuntou  respecto da mostra que leva por título <106 anos de Laxeiro. 23-F-2014> “estamos ultimando todos os detalles para que sexa unha das mostras máis importantes celebradas ata a data e que presentaremos proximamente, e que será posible grazas a colaboración da familia Alcalde-Varela de Boiro”.

 

Do mesmo xeito, o primeiro edil lalinense desvelou o terceiro dos Comendadores da Feira, despois do pregoeiro, o escritor e divulgador científico Eduardo Punset, e do presidente do Atlético de Madrid, Enrique Cerezo: trátase de Francisco Millán Mon, eurodeputado pontevedrés, licenciado en Dereito e Diplomado en Estudos Internacionais e que o ano pasado colaborou intensamente na organización do acto de presentación da Feira do Cocido en Bruxelas “nun evento de 14 ou 15 eurodeputados que nos vai valer para lograr a internacionalidade para intentar conseguir, senón ser a primeira Festa gastronómica de Interese Turístico Internacional de España, si a primeira de Galicia”.

 

ARTISTAS DA GALA

O primeiro edil lalinense deu tamén a coñecer en Madrid os nomes dos artistas confirmados, que actuarán na Gala de Gastronomía que será retransmitida en directo por TVG desde o Lalín Arena o venres 21 de febreiro. Entre este elenco atópanse Luz Casal, Mónica Naranjo y Viaje de Elliot.

 

Na súa intervención o munícipe sinalou que “a Feira do Cocido que este ano ten como cartelista a pintora nacida en Lalín, ligada ás universidades de Venezuela, Pilar Taboada, que “fixo o cartel con total liberdade creativa e que conseguiu que se falase da Feira do Cocido en sitios nos que nunca se falou; Pilar Taboada que fixo o cartel de xeito totalmente altruísta, cumpriu coa difusión”.

O rexedor lalinense rematou o seu discurso dando “as grazas a todos por facer Lalín internacional e máis grande, vémonos o 23-F, día do 106 cumpreanos de Laxeiro, en Lalín".

ver plano lalin

Diseñado por DreamsFactory