|
A vila de Lalín, capital do municipio e cabeceira da Comarca de Deza, constitúe un punto de referencia dentro do mapa de comunicacións de Galicia. Precisamente, esta situación privilexiada no centro da comunidade autónoma contribuíu nos últimos anos ó seu despegue como centro comercial e de servicios dunha ampla zona gandeira. Así, a pesares de que en 1960 a vila non era máis que un pequeno núcleo de poboación, formado por varias reas de edificacións ó longo das estradas Ourense-Santiago e Lugo-Pontevedra, na actualidade xa acolle a 8.338 veciños.
Unhas das sinais de identidade da vila de Lalín é a igrexa parroquial, que comezou a ser construída no ano 1888 sendo alcalde Benito Calviño e que quedou rematada en 1915. Nas súas inmediacións atópase o monumento erixido polo pobo lalinense ó célebre astrónomo e matemático Ramón María Aller. A obra, do escultor Asorey, loce na súa base a lenda "ciencia, humildad y virtud", que resume a vida deste fillo ilustre de Lalín. Tamén de Asorey é o monumento ó aviador Joaquín Loriga, situado no Parque de Loriga, que foi inaugurado no ano 1933 e que representa un avión chantado na terra a modo de cruz latina, xunto coa figura do aviador e dúas mans estreitadas, simbolizando a unión entre os pobos de España e Filipinas -perpetuando así a xesta do ilustre lalinense-.
Por outra banda, a vila de Lalín ofrécelle ós seus veciños na actualidade tódolos servicios que se poden atopar nunha grande cidade, tanto no eido sanitario, como no educativo, deportivo, lúdico ou cultural. Esta ampla oferta amosa que a pequena vila de Lalín está inmersa nunha profunda metamorfose que está a convertela xa na gran capitalidade do interior de Galicia.
|